Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio
Skip to content
O Escritor na súa Terra: Xosé María Álvarez Cáccamo. Vilaboa PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Martes, 16 Xuño 2015 21:25
1434108200796LetraECaccamo-

O pasado sábado 6 de xuño tiveron lugar en Vilaboa os actos da homenaxe "O Escritor na súa Terra" que lle correspondeu este ano ao poliédrico Xosé Mª Álvarez Cáccamo, entre cuxas múltiples facetas destaca, sobranceiramente, a de poeta. A primeira parte destes actos desenvolveuse no parque público situado á beira do colexio de Riomaior, entre este centro e o peirao de Sta Cristina, mesmo a carón do mar de San Simón, onde un espírito sensible pode talvez esculcar nos átomos da airexa eferente os salaios da namorada de Mendiño. Parque público que, dende ese día, ostenta orgulloso o nome do poeta. Neste marco excepcional inaugurouse un monumento conmemorativo, unha espiral en pedra, ideado polo escultor Ánxel Huete como símbolo da poesía, esa poesía sempre igual e sempre diferente, pasando sempre polos mesmos lugares pero a distinta altura, sempre vella e sempre nova, efémera e eterna.

Dende o nihil novum sub sole salomónico, poetas de todas as épocas e latitudes repetiron e glosaron a máxima, entre eles Rosalía: somos relós que repetimos eternamemte o mesmo. Hoxe faino de novo Huete co seu magnífico poema pétreo, poema completísimo que amosa, ademais, un breve texto en letras de ferro: O poema arredor da moreira verme de seda. Poema en estado inicial, á espera da metamorfose propiciada polo poeta, auténtico deus creador: dos ovos das súas vivencias nace a eiruga, a idea do poema, que se alimenta durante un tempo moi variable ata converterse en crisálida; ela, produto perfeccionado polo creador, abrirá agora as alas da publicación e será bolboreta a voar de flor en flor con cuxo pole se completará e será, por fin, o poema acabado, os múltiples poemas acabados.
A homenaxe completouse, na súa parte artística e literaria, na Casa da Cultura, onde Pepe Cáccamo recibiu a letra E das mans de Silverio Rivas, autor da peza escultórica.
Foron actos nos que a poesía foi protagonista. Non só pola espléndida metáfora de Huete; os discursos pronunciados por todos os intervenientes estiveron salpicados, ás veces inzados, de poesía; o presidente da AELG, o concelleiro de Cultura, a tenente de Alcalde, todos quixeron unirse á festa poética nas súas intervencións. Queremos salientar aquí, e pór á disposición dos nosos lectores, para sumarnos á homenaxe, a Laudatio de Xavier Rodríguez Baixeras e a resposta de Pepe Cáccamo, dúas magníficas pezas oratorias que representan con enorme solvencia a homenaxe da letra E, de Escritor. Desfrutádeos.

Laudatio

 

Resposta