Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio
Skip to content
O Cruceiro de San Campio quedou orfo PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 31 Xaneiro 2016 16:51

Juan Valverde

In memoriam

Antonio nas escrituras, Juan para a familia, para os amigos. Tiven a sorte de coñecelo hai oito ou nove anos, mágoa que non fose moito antes, co gallo da homenaxe que lle rendemos a Victoriano Taibo en Morgadáns. Andaba eu á procura de persoas que puidesen dar algunha información sobre o persoeiro e apareceu el que, nunha das súas múltiples facetas, fora nos anos mozos participante activo no faladoiro que o daquela ancián mestre mantiña no obradoiro de Mareque; dende entón coincidimos continuamente en moreas de actividades e foi sempre en aumento a miña admiración polo seu talante sempre alegre, sempre activo, sempre brandindo unha ilusión. A súa fabulosa memoria fixo posible que recuperase unha morea de historias de xentes do Val condenadas a habitaren no esquecemento, rescatando así dese negro destino anécdotas de persoas sinxelas con algunha peculiaridade que as fixeran populares, nómina abundante de xente curiosa cuxa razón de ser escribiu Juan hai só uns días no blog que mantén o común amigo Carlos Méixome:

- Por "mor das nubes rastreiras", dicía meu tío Severino.

 


Pero tamén de individuos que destacaron nos negocios, na música, na escrita, na relixión... A xubilación tróuxoo de volta as estas terras que nunca abandonara, que levaba no corazón e que recoñecía todos os anos sempre que as súas ocupacións profesionais e familiares llo permitían. E tróuxoo tamén á patria das letras galegas, que alimentou cos rescates de personaxes, como queda dito, primeiro no seu blog, que titulou O Cruceiro de San Campio, e logo nun libro do mesmo título editado polo Instituto de Estudos Miñoráns co gallo de concederlle o premio Nano Cambeiro. Quedan aínda sen publicar bastantes "contos", como el adoitaba chamarlles a estes breves relatos nos que recollía algunhas das teimas dos seus protagonistas, que alguén, un día, debería reunir cos anteriores para que a súa memoria prevaleza, como era o desexo de Juan.
Dentro da súa contribución ás nosas letras debe mencionarse un libriño pequeno pero entrañable, que, coa inestimable colaboración de Fino Lorenzo, editou como libro de autor para regalarlle ao seu fillo en cumprimento dunha promesa que, medio en broma, medio en serio, lle fixera. Titúlase Para Xoán.
Sexa tamén para Juan este recordo que xa é nostalxia por quen soubo facer mellores as vidas dos que o coñecemos e desfrutamos.

 


Miguel Anxo Mouriño