Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. inicio tamén da I Semana poética Victoriano Taibo.

O Auditorio Lois Tobío acolle o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde este sábado, dá inicio tamén a I Semana poética Victoriano Taibo que enmarca a entrega do premio

 

Organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.

E para achegarnos á data no ambiente poético propicio, o IEM inicia, este sábado día 10, a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

I Semana poética Victoriano Taibo:

O sábado 10, ás 21:00 h. no Café Rañolas comeza esta celebración poética e será cun Slam poético, un recital aberto en que pode participar quen quixer co único requisito de que os textos que recite, dous, sexan de autoría propia e estean na nosa lingua. Cómpre tan só inscribirse previamente no correo electrónico do IEM (oficina@iem.gal). Un xurado escollido entre o público asistente seleccionará ao gañador ou gañadora da noite.

O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo.

Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hosteleiros manteis ilustrados con poemas.

E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa.

E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Está en:  Inicio
Skip to content
EXPOSICIÓN GALIZAMÉRICA Cambio de data na proxección do filme A cicatriz branca.
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 09 Outubro 2018 22:48

A data prevista da proxección do filme A cicatriz branca vaise pospoñer para o sábado 20 de outubro ás 20:00h no local do IEM (Aula de Cultura Ponte de Rosas).

 
Paseo Literario polas Illas Cíes o sábado 29 de setembro.
Escrito por IEM -Sec   
Xoves, 20 Setembro 2018 21:32
Á data de hoxe quedan cubertas todas as prazas ofertadas para o Paseo Literario ás Illas Cíes o vindeiro sábado 29 de setembro. Hai unha lista de reservas que se utilizara no caso dalgunha baixa.
 
Inauguración da exposición Galizamérica. Venres 5 de outubro ás 19:00h.
Escrito por IEM -Sec   
Sábado, 29 Setembro 2018 23:21
convite gondomar
cartel gondomar
EXPOSICIÓN GALIZAMÉRICA


Venres 5 de outubro

19:00h Inauguración e conferencia

*Horario de aperturas de luns a venres 18:00 a 21:00.

*As visitas escolares serán concertadas, e preferentemente de mañá.

Domingo 14 de outubro

19:00h Proxección documental.

Domingo 21 de outubro

Clausura exposición.
 
PASEO LITERARIO E TOPONÍMICO POLA RÍA DE VIGO E A ILLAS CÍES
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 14 Setembro 2018 17:18

captura de pantalla 2018-09-16 a las 22.51.21

islas-cies
A Concellaría de Normalización Lingüística organiza o paseo literario "Fantasía e realidade de Verne en Vigo, II:"A ría de Vigo e illas Cíes", guiado por Eduardo Rolland (experto no autor Jules Verne e Ledicia Costas (autora da novela "Jules Verne e a vida secreta das mulleres plantas").

Durante a travesía leranse pasaxes do capítulo 'A badía de Vigo' de '20.000 leguas baixo dos mares', xunto á narración da batalla de Rande seguindo o guión do propio capitán Nemo a bordo do Nautilius e da vida secreta das mulleres planta".

-Visita ao miradoiro, na ruta do Alto do Príncipe. Conversa arredor de Jules Verne e o empresario vigués Antonio Sanjurjo Badía. Narración da fantasía desta relación e da realidade dos feitos históricos.

-Visita ao faro. Narración da entrada do Nautilus na ría de Vigo o 18 de febreiro de 1868 así como das dúas visitas a Vigo de Jules Verne a bordo do 'Saint Michel III . Explicación de curiosidades da Illa Sur na ficción literaria das mulleres planta.

Data: sábado, 29 de setembro de 2018

9.00h: reunímonos no embarcadoiro

9:30h: saída do barco cara ás Cíes

Ler máis...
 
Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía VictorianoTaibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual
Escrito por IEM -Sec   
Xoves, 20 Setembro 2018 21:29

O xurado do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.

O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.

Laura Ramos Cuba, é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.

A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

 

 
Catro finalistas optan ao Premio de poesía VictorianoTaibo na súa XIª edición
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 12 Setembro 2018 21:46

O xurado da XI edición do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, reunido o 11 de setembro, de entre as 59 obras presentadas, elixiu como obras finalistas, as que ostentaban os seguintes títulos por orde alfabética:

 

  • A situación actual
  • De animais e outros deuses
  • Dente de leite
  • Diástoles e sintonías

 

O veredicto definitivo darase a coñecer nos próximos días, momento en que se fará público o gañador ou gañadora desta décimo primeira edición.

O xurado desta XIª edición estivo constituído polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición.

A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 2 de 217