Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Sala de exposicións Artigos "Traveseo. Pragmatismo de Alfonso Soliño Troncoso
Skip to content
"Traveseo. Pragmatismo de Alfonso Soliño Troncoso PDF Imprimir Correo-e

Sala exposicións - Sala Exposicions 2009 - 2016
Escrito por IEM -Sec   
Luns, 21 Marzo 2016 21:24
24_1

Boa tarde. Sete días despois, unha boa parte das persoas que aquí estamos volvémonos ver. Daquela foi coa desculpa dun libro sobre escultura e pintura, hoxe o motivo é a contemplación de distintas pezas das disciplinas artísticas citadas. Ambas as dúas convocatorias xiran arredor de Alfonso Soliño Troncoso.

 

TRAVESEO. PRAGMATISMO

Con esta exposición, que hoxe inauguramos, péchase un ciclo na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Un ciclo que empezou o día 13 de marzo de 2009 e que, polo tanto, un chisco antes de cando esta finalice acadará os sete anos exactamente. Un tempo a considerar no cal se pretendeu presentar nestas terras de Miñor retallos poéticos de visións distintas dunha mesma vida contemporánea. O propósito de partida era triplo, en función de quen se achegase, á vez que un pouco utópico segundo o tempo nos terminou por confirmar: divulgar, sensibilizar e, por suposto, facer gozar. Para acadalo, tocáronse disciplinas de sempre, as coñecidas como artes clásicas, e outras moito máis modernas, nun intento de estar á medida da lectura que a sociedade contemporánea fai do termo Arte, un talento, un patrimonio sen o cal o ser humano non sería tal; sería outra cousa.

En marzo daquel 2009 estaban practicamente acabadas de rematar as obras de acondicionamento do local que agora nos acolle, executadas baixo proxecto e dirección de Alfonso, e a xunta de goberno do IEM, da cal el formaba parte dende o ano 2002, decide idear un acto protocolario que puidese servir de inauguración. Para iso o propio Alfonso, por aquel entón compoñente único da sección de Arte do Instituto de Estudos Miñoráns, organiza unha exposición de pintura e decide que sexa de Fino Lorenzo. Faise. Esta, e por extensión todo o ciclo, tivo o seu antecedente afastado na Quae Visa Placent que, comisariada tamén por o mesmo en representación do IEM, reuniu, no ano 2004, no vestíbulo de tripla altura do gondomareño Auga da Laxe, escultores e pintores de longo percorrido e contrastado prestixio, vinculados ao Val de Miñor.

As circunstancias, como tantas veces caprichosas, quixeron que aquel que propiciou o iniciou do ciclo na súa faceta de xestor sexa quen o remate na tamén súa de creador. E aquí está, disposto a mostrar parte do seu traballo máis recente nos eidos da escultura e a pintura. Pero para que un acto como este se desenvolva con mediana coherencia é preceptivo alguén que marque os tempos. Tras escoitar, acepto ser ese, sendo consciente de dúas certezas: unha, que ao pertencer á casa evitamos o presentador do presentador, figura habitual nestes eventos; e dúas, que existe o risco de desaxustes de perspectiva por cuestións de distancia, e non me refiro á distancia espacial como sagazmente detectariades. A primeira non ten consecuencias salientables. A segunda, de presentarse, podería telas; mais espero non me atopar con ela.

Para analizar a obra plástica de Alfonso Soliño quizais sexa conveniente ter dous parámetros a man. Por unha banda, a súa infancia e primeira xuventude, na que as características e peculiaridades do eido familiar que lle tocou en sorte póñeno en contacto directo moi pronto co físico mundo dos materiais a través dos diferentes oficiais transformadores: canteiros, carpinteiros, ferreiros e outros profesionais. Pola outra, o completo coñecemento dos distintos sistemas de representación gráfica; a sempre complexa e precisa xeometría descritiva aprendida na escola de arquitectura técnica.

Estes, os sistemas de representación, sérvenlle para afastarse deles premeditadamente, ou cando menos utilizalos a interese, e dese xeito escapar da ortodoxia. As súas pinturas, polo xeral, son agrupacións cromáticas onde o representado está colocado a servizo da composición xeral, independentemente de que procedan do mundo real ou do imaxinado. Interésalle o resultado, a estética; non fotografar a realidade.Podería dicirse, coido, que dalgún xeito é un pintor obxectual con vocación de notario máxico dun tempo e dun lugar; o seu.

O carácter obxectual percíbese máis nítido na escultura onde, por riba de todo, manda a Forma, a pescuda da beleza presencial, que neste eido case sempre atopa na abstracción máis absoluta, a diferenza da pintura, na cal, polo común, necesita que o representado inda sexa parcialmente recoñecible. Este parámetro da obra fai aflorar, inevitablemente, conceptos relacionados dalgún xeito coa materia, tales como: dimensións, proporción, masa, densidade, luz, brillo, cor, oco, textura e outros. Limitareime a referir algún comentario sobre os dous últimos.

O oco. En escultura o oco xeralmente asimílase ao baleiro. Aceptemos aquí, como definición simplificada, que o baleiro en escultura só é un espazo carente de materia sólida. Logo, sigamos aceptando, aínda sen ser totalmente certo, que no campo da escultura o que non é materia sólida é espazo. O espazo. Pódese dicir que do encontro no límite entre este elemento e a materia sólida xorde a Forma; aquilo que vemos ou tocamos. Ese elemento antagónico e á vez complementario á materia é un material base na obra de Alfonso. Un material co que nunca traballa por simetría -non o fai coa materia, á que prefire ordenar a través doutros principios tales que a xerarquía, a repetición, o ritmo, o eixe, a pauta ou a transformación- Un material, o espazo, que, de cando en vez, ademais de utilizalo, cítao a través das obras. Por exemplo, ás veces deixa sen cubrir de pigmento a totalidade do soporte pictórico. Outro, varias das súas esculturas evocan futuras arquitecturas aínda en maqueta.

A textura. Cada material posúe características propias, propiedades intrínsecas, as cales deben ser respectadas, ou polo menos tidas en conta, no intre no que é manipulado. Isto Alfonso sábeo dende a primeira xuventude, inicialmente de xeito intuitivo, naturalmente. Unha das calidades matéricas na que máis investiga é a textura. Esa á que chegamos a través do tacto, o sentido máis primixenio que posuímos, o sentido que defende con tanta vehemencia Juhani Pallasmaa. Ademais, a natureza do material -densidade, temperatura, textura e por aí- para os videntes refórzase, ou quizais se evoca, a través do ollo. É con este fundamento que xoga cando, fuxindo da acuarela, máis tersa, busca bases granuladas como soporte de pinturas realizadas, xeralmente, con moi pouco pigmento. Tan pouco que en ocasións preséntanse deliberadamente inacabadas. Non necesita destas técnicas para explorar características táctiles na escultura. Aquí o camiño elixido queda conscientemente acoutado polas capacidades actuais alcanzadas pola industria e a tecnoloxía para o tratamento de peles e límites.

En todo caso, e á marxe do maior ou menor tento que tivese na análise feita, convido os presentes a que se dean un percorrido pausado pola produción aquí presentada e saquen as súas propias consecuencias. E que insistan, que regresen en solitario algún outro día por intentar ver o que hoxe mirando non viron. Convídovos a que tentedes atopar misteriosos indicios de gozo.

E por aquí quedo, sen a priori saber se Alfonso pensa facer uso da palabra ou pola contra, fiel ao seu costume, prefire reservala para distancias e ámbitos máis acoutados. El dirá.

 

 

antonio soliño troncoso (a.s.t.)_xaneiro de 2016