Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Sala de exposicións Artigos A obra de Xesús Valverde: unha recuperación necesaria.
Skip to content
A obra de Xesús Valverde: unha recuperación necesaria. PDF Imprimir Correo-e

Sala exposicións - Sala Exposicions 2009 - 2016
Martes, 26 Abril 2011 20:53
xesus-iem

Aínda que é coñecido o interese dos responsables da Aula de Cultura Ponte de Rosas en Gondomar, por recuperar a sobranceiros artistas doutras xeracións, a primeira sorpresa que ofrece esta exposición, dedicada a Xesús Valverde, é a fluidez coa que encaixa na liña, aberta, contemporánea e experimental, da sala.
Por máis que o mesmo título da exposición semelle confuso, pois as datas, que figuran na cuberta do díptico, representan o tempo vital do home Xesús, tamén é certo que a mostra non pode ser entendida como unha ollada crítica e exhaustiva á súa traxectoria creativa. Non podemos considerala unha retrospectiva, pois as esculturas e debuxos, que atopamos no denso percorrido, recollen, nunha selección feita pola súa filla Alba dos fondos familiares, os derradeiros vintecinco anos da vida do artista, os anos da súa madurez creativa, e reflicten as súas inquedanzas, dúbidas, tenteos e obsesións máis íntimas, e, por riba de todo, as súas relacións sentimentais co Val Miñor e a súa paisaxe, terra de orixe da súa familia, onde, desde 1967, pasaba longas tempadas.
De todos os xeitos, e na espera da retrospectiva, ampla, valente e decidida, que este país lle debe, esta vén ser unha excelente e imprescindible exposición que nos amosa ao Xesús Valverde máis familiar, máis preto a nós, máis cálido e ledo, ademais de supoñer unha chamada de atención,un achego previo, un intento de recuperar o traballo e o oficio dun excelente escultor, inxustamente esquecido.
A mostra ofrécenos case unha trintena de debuxos, realizados con lapis, carbón, tinta china e, nalgúns casos, lapis de cor, pastel ou mesmo guache. Neles, coa presenza dalgúns inéditos, podemos seguir o seu pensamento plástico máis experimental e arriscado, ademais das súas querencias sentimentais polo contorno miñorán. Representacións simbólicas das paisaxes do val, do río, da ponte románica ou do seu propio eido da Romana, coa pereira familiar como motivo, amósanos un Xesús Valverde íntimo e desenvolto.
Na ducia de esculturas presentadas atopamos dous xeitos diferentes de enfrontarse ao volume. Por unha banda, os bronces da súa época máis coñecida e representativa, a década dos setenta e primeiros oitenta, amosan a figura feminina como escusa e punto de partida para modelar, nun claro e progresivo exercicio de abstracción, volumes e baleiros. Pola outra, enfrontámonos a unhas pezas dunha clara tendencia obxectual, estruturadas como unha ensamblaxe autónoma e baseadas na idea construtivista da colaxe, realizadas con todo tipo de materiais de refugallo. Estas catro pezas, feitas a partir de 1988, pertencen á unha nova liña que, entón, supuxo un xiro radical respecto á idea de modelado que atopamos na meirande parte da súa obra anterior. Agora, case vinte anos despois, só podemos lamentar que a posibilidade de desenvolver esta nova traxectoria fose rachada dun xeito tan súbito e inesperado.
Nos actos que concorren nesta merecida homenaxe, sobresae a presentación, o próximo día 27 de maio, dunha extensa publicación monográfica que o Instituto de Estudos Miñoranos dedica á figura do home e o artista que foi Xesús Valverde. Agardamos, con curiosidade e interese, que este supoña o punto de partida para un recoñecemento que inclúa unha axeitada recuperación e catalogación da súa obra. Aquí, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar, están a dar o primeiro paso.

 

Xesús Valverde (1925-1993)
Aula de Cultura Ponte de Rosas. Gondomar.