Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Presentación da revista REM Nº18 (2019)

 

O venres 7 de xuño, ás 20:30H na Biblioteca Pública Municipal de Baiona, presentarase a revista REM nº 18 (2019) do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará con colaboración musical e as intervencións de Xulián Maure Rivas, Natalia Jorge Pereira, Xilberte Manso de la Torre, Soledad García Riveiro e Antonio Soliño Troncoso que farán unha breve presentación das súas colaboracións.

Conduce o acto María Lemos Cerqueira.

Está en:  Inicio Sala de exposicións Artigos Das mediacións de Manolo Ledo
Skip to content
Das mediacións de Manolo Ledo PDF Imprimir Correo-e

Sala exposicións - Sala Exposicions 2009 - 2016
Escrito por Fino Lorenzo   
Xoves, 26 Setembro 2013 22:22
2-A-canteira-Cumiar-Pontear

Nesa marabillosa recompilación do mundo antigo que é a súa Historia Natural, Plinio O Vello situaba a orixe do debuxo e a pintura na feble liña de carbón coa que a muller namorada garda-la ausencia do amado, perfilando a súa sombra sobre o muro de cal. Así, insistindo na densidade dos xestos simples ou tolos, na riqueza que as veces se desprende da sinxeleza de concepto e execución, a lenda salienta o feito de observar, seleccionar e recortar pequenas manifestacións de sentido. Unha poética achega á natureza das artes plásticas e visuais que resulta dun sinxelo calco, trazado sen pretensións, que configura unha imaxe referencial, sempre secundaria, que remite e precisa do obxecto orixinal.

Se cadra, no conxunto da obra que Manolo Ledo presenta no Aula de Cultura Ponte de Rosas, actual sede do IEM, enfrontámonos a moitas destas cuestións. Unha mostra poderosa que nos descubre un traballo inclasificable desde calquera perspectiva, equidistante tanto das pretensións do artista, como das técnicas do arqueólogo ou as funcións do divulgador convencional. Pois, sen perder ese fondo carácter referencial e alusivo, Manolo Ledo incorpora líricos tratamentos de textura e cor, artificiais ou naturais, ás veces improvisados no sitio, que superan as funcións descritivas dos calcos utilizados no medio arqueolóxico. Pois, neses debuxos en contratipo, nesas pigmentacións nas que afloran os relevos, pegadas, liques e fendas da superficie da pedra, observamos que os esforzos tamén se dirixen cara ao resultado final, ao protagonismo da copia en papel, como esixe a propia lóxica da estampa e o gravado. Si. Pois, nesas imaxes, que aínda responden ao calco como estratexia básica, tamén albiscamos unha curiosa labor de estampación, inmediata e directa, cuxa singularidade ven determinada polo propio contexto, polas complexas e difíciles condicións nas que esa labor se leva a cabo. De ai que esas proxeccións no plano tamén se ofrezan como poderosos monotipos, sofisticados gravados calcográficos en sentido literal, que veñen a reproducir, a escala 1:1, os sucos e riscos desas nais únicas, esas matrices singulares, que desde hai 4000 anos sobreviven ás inclemencias do tempo e os homes.

Porque, malia ese lirismo desenvolto no papel, o certo é que o traballo amosa os froitos dunha gozosa descuberta, dun agasallo que premia unha procura calada e solitaria, dun achado susceptible de transmitir e comunicar. Se cadra, esas reinterpretacións tan persoais veñen a configurar unha ponte, unha sorte de tránsito, que relaciona aos anónimos autores deses rochedos gravados coas xeracións actuais. O certo é que, se pensamos no acontecido nos últimos anos, semella que, para moitos dos nosos concidadáns, catro milenios de existencia dunha arte rupestre non son argumento suficiente para frear ou impedir a rotunda desfeita contemporánea. Como tampouco o sempre benvido turismo cultural, cos seus amplos e inmateriais réditos, e malia o exemplo da Citania do Monte Tegra, semella unha cenoria atractiva. De ai que nas accións de Manolo Ledo, nesa estratexia simple e desconcertante, tamén estea presente o feito de defender, preservar e divulgar un patrimonio tan rico e vulnerable. Pois, como unha tirada limitada de augafortes que artella o seu valor sobre a destrución das pranchas de metal, cada vez que un petróglifo, desfeito pola necidade e o desinterese dos homes,  desaparece como o amante da lenda, o traballo de Manolo Ledo amósase como un documento con presenza propia, excepcional e imprescindible, quizais divinatorio a longo prazo, anticipando o día no que as futuras xeracións só podan acceder ao patrimonio polas súas imaxes.

De todos os xeitos, e obedecendo a unha noción de cultura, extensiva e imprescindible, a meirande parte do noso coñecemento ven dado pola transmisión de imaxes e reproducións que adoitan arrecunchar o obxecto do que parten. Desde a nenez nos aprenden o recoñecemento de formas, figuras e ornamentos a través de todo tipo de representacións, as máis das veces simples fotografías. Dese xeito, toda forma estética se amosa recortada e encadrada no plano, sen aceso a outras perspectivas e, o que é peor, sen unha noción, integrada, real, do contexto. Unha perda que seica afianza esa distancia artificial, e tantas veces irrespectuosa, coa que nos asomamos, e intervimos, no territorio. Claro é, tamén, que as imaxes de Manolo Ledo, penduradas a xeito de cadros ou tapices, se afastan claramente desas representacións fotográficas ás que estamos afeitos, debedoras aínda desa ollada en perspectiva á que obriga a disposición da meirande parte dos petróglifos. Sen dúbida, a forte frontalidade e presenza destas imaxes semella esixir de nos unha ollada, unha atención e un respecto diferentes. Pois, nesa perspectiva seica deformada, nesas enormes e maxestosas estampas extraídas de matrices milenarias, asoman formas, aspectos, detalles, calidades e valores, novos e descoñecidos, que se ofrecen ao noso interese e curiosidade. Eu non sei se nun mundo de representacións e simulacros, a sinxela estratexia de Manolo Ledo pode axudar na procura dunha civilizada e respectuosa posta en valor dos nosos xacementos arqueolóxicos. Oxalá. Polo pronto, aquí, en Gondomar, podemos gozar dos froitos desa teimuda e calada labor, deses sofisticados monotipos que configuran unha poderosa proposta, ética e estética, para esta e outras exposicións de maior extensión e envergadura.

Manolo Ledo

Labirintos

Aula de Cultura Ponte de Rosas. Gondomar

Do 20 de setembro ao 8 de novembro de 2013